A situación dos contratos temporais do persoal de investigación en Galicia na crise do COVID-19

InvestiGal reclama ás axencias galegas de financiamento, universidades e
entidades empregadoras unha solución común para a extensión dos contratos do persoal investigador por causa da crise sanitaria do COVID-19.


● As medidas excepcionais tomadas a raíz da crise sanitaria do COVID-19
provocaron o peche dos centros de investigación e, polo tanto, a paralización de gran parte da actividade investigadora. Isto afecta á duración de moitos contratos temporais do persoal investigador.
● A disposición adicional decimoterceira do Real Decreto Lei 11/2020, do 31 de marzo (BOE de 1 de abril), establece, entre outras, a posibilidade de prorrogar os contratos de traballo temporais financiados por convocatorias públicas estatais no eido da investigación.
● Solicitamos que as restantes axencias de financiamento (Xunta, Universidades, Fundacións…) de contratos de persoal investigador tomen canto antes unha medida semellante de prórrogas do persoal e dos proxectos, co fin de reducir a inseguridade dun colectivo xa bastante precarizado, e evitar agravios comparativos entre investigadores en función da axencia que financia os seus contratos.